Doa a túa voz, preserva a túa lingua

Colabora co Proxecto Nós para mellorar a presenza do galego no mundo dixital e incorporalo ao desenvolvemento de aplicacións baseadas na Intelixencia Artificial e nas Tecnoloxías da Linguaxe.

Alexa e Siri falando galego? Si, é posible! Colabora!

Que é o Proxecto Nós

O Proxecto Nós procura crear recursos orais e conversacionais en galego con todos os acentos e variantes dialectais que existen para facilitar a interacción a través de ferramentas como o GPS, asistentes de voz, Chat GPT e as que se desenvolvan no futuro.

Obxectivo

Garantir a presenza do galego en aplicacións, ferramentas tecnolóxicas e proxectos de Intelixencia Artificial e Tecnoloxías da Linguaxe.

3 ferramentas xa en uso

O primeiro tradutor neuronal multilingüe feito en Galicia, un recoñecedor de voz que converte fala en texto escrito e unha aplicación de síntese de voz que le en galego.

Beneficiarios

Os recursos xerados no Proxecto Nós serán de acceso libre e gratuíto para quen os queira usar e crear servizos e produtos para as e os galegofalantes.

Colaboradores

Nós é un proxecto de País, transversal e colaborativo no que xa participan entidades sociais, empresas, institucións galegas e milleiros de persoas coma ti.

Promotores

O Proxecto Nós está impulsado pola Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e financiado con fondos Next Generation da UE.

Funcionamento

Calquera persoa pode colaborar entrando na plataforma Common Voice. Só terás que ler varias frases ou validar as lidas por outras persoas. E listo!

Doar a túa voz é moi sinxelo! Explicámoscho?

Reproducir vídeo

Como colaborar

Entra na plataforma Common Voice.

O rexistro é recomendable para recoller información do acento do doador. Pedirémosche nome, idade e sexo.

Selecciona “Galego” no menú de idiomas.

Doa a túa voz lendo frases xeradas pola plataforma e valida as doutras persoas.

Coñece a Celtia

A primeira voz de síntese en galego creada a partir de redes neuronais.

Reproducir vídeo

Vantaxes da túa participación no Proxecto Nós

Dúbidas frecuentes

O Proxecto Nós está a crear recursos en forma de corpus textuais e orais que poidan ser empregados por empresas e institucións para desenvolver ferramentas, aplicacións ou programas baseados en Intelixencia Artificial e Tecnoloxías da Linguaxe. Estes recursos permiten crear modelos de lingua, modelos de voz artificial e modelos para o recoñecemento da fala.

En concreto, as doazóns de voz serven para crear un banco de voces que se poida empregar para o adestramento de sistemas de recoñecemento automático da fala. É esencial que un banco de voces integre falantes de distintos xéneros, idades, variedades dialectais e rexistros, co fin de representar toda a riqueza da nosa lingua.

Se queres que as máquinas sexan quen de entenderte cando lles fales en galego e poidan contestarche, este é o camiño! Con estes modelos de lingua, de voz artificial e de recoñecemento da fala será posible mellorar e crear novos sistemas e ferramentas con aplicacións diversas, como dispositivos con interface por voz, sistemas de xeración automática de textos e diálogos, axentes conversacionais, correctores lingüísticos automáticos, resumidores automáticos de textos, sistemas de tradución simultánea e un longo etcétera.

Ademais de permitir que o teu GPS, Alexa, Siri ou Google interactúen en galego, o banco de voces co que estás a colaborar poderase empregar para desenvolver sistemas de subtitulado de programas de televisión en tempo real, entre outras moitas cousas.

Podes doar a túa voz sen rexistrarte porque non é obrigatorio para participar no banco de voces do Proxecto Nós, pero é altamente recomendable facelo. No rexistro pedirémosche o teu nome, a idade, o xénero e a variedade do galego que falas. Con isto poderemos catalogar os distintos acentos e optimizar os datos empregados co fin de aumentar a precisión dos motores de recoñecemento de voz. Pero ademais, se te rexistras, terás o teu propio perfil no que poderás ver os teus avances e estatísticas de contribución ao banco de voces do Proxecto Nós, marcar fitos persoais e coleccionar premios pola túa actividade.

O equipo investigador do Proxecto Nós procesará a túa voz coma a dos milleiros de persoas que colaborarán neste proxecto, creando e catalogando diversos recursos que se porán á disposición de empresas, institucións e particulares de xeito libre e gratuíto para que as poidan usar no desenvolvemento de dispositivos e ferramentas tecnolóxicas que presten servizo ao conxunto dos galegos e galegas e ás persoas que queiran aprender galego.

O Proxecto Nós xa permitiu crear tres ferramentas para facilitar a interacción das persoas con dispositivos en galego: o primeiro tradutor neuronal multilingüe feito en Galicia, un recoñecedor de voz que entende o galego oral e o converte a texto e unha aplicación de síntese de voz que é quen de ler en galego a partir dun texto.

É moi sinxelo e rápido. Só tes que entrar nesta ligazón e premer en “Iniciar sesión/rexistrarse” na parte superior da páxina. Logo de escribir o teu enderezo de correo electrónico, terás que ir ao teu correo e abrir unha mensaxe que a plataforma xera automaticamente. Dentro desa mensaxe, preme en “Sign in to Mozilla Common Voice”, completa os teus datos e selecciona “Galego” dentro do menú de idiomas. Garda os datos e o rexistro estará finalizado.

Entra en Common Voice coa túa conta de usuaria/o, selecciona o idioma “Galego” e comeza a gravar voz e validar frases lidas por outras persoas.

Coñece máis sobre o Proxecto Nós

Reproducir vídeo